A Biblioteca auxiliar está integrada por un conxunto de volumes antigos e modernos. A parte antiga, procedente da Casa de Rey, comezou a formarse no s. XVIII e foi acollendo ata o s. XX novas obras de temática diversa -Teoloxía, Dereito, Historia, Literatura relixiosa e Matemáticas, entre outras-. Posteriormente, fóronse sumando volumes de contido cultural, destacando unha colección da revista “El Museo de Pontevedra” , procedente da biblioteca da familia Blanco Cicerón, ou un exemplar de “El castillo del marqués de Mos en Sotomayor” dedicado pola entón marquesa de Ayerbe, María Vinyals e Ferrés.