Miguel Obarrio Montenegro

Obarrio Montenegro, Miguel. Conde de Tomentosa (I). Castro de Rei (Lugo), c. 29.II.1742 – Madrid, 9.XI.1797. Nobre e político.

Nado no seo dunha familia fidalga, os seus pais, Miguel Obarrio Castro e Elena Montenegro Sanjurjo, posuían a Casa da Tomentosa na parroquia de Santiago de Duarría, onde residiu o matrimonio xunto aos seus tres fillos. O primoxénito, Miguel, estaría chamado a administrar as propiedades familiares, mentres que o seu irmán Juan José seguiría a carreira eclesiástica, chegando a ser tesoureiro da catedral de Mondoñedo (Lugo), e a súa irmá Josefa casaría con Francisco Soengas, señor da Casa de Xián, no concello lucense de Taboada, e en cuxa estirpe acabaría recaendo a herdanza familiar.

Educado nos valores relixiosos e con implicación na política local e a actividade militar forxóuse a súa carreira. En 1775 foi elixido por sorteo deputado xeral e de millóns do Reino de Galiza e, á vez, pasou a ostentar a representación do reino galego na Corte de Carlos III. Así, froito da reforma político-administrativa que se estaba levando a cabo nos órganos monetarios do Estado e baixo o mando de Miguel de Múzquiz e Goyeneche na Secretaría de Facenda, encargóuse ao Consello Real de Facenda o establecemento da Única Contribución, formando ao efecto unha nova Sala, na que ingresou Miguel Obarrio en 1778.

Ao ano seguinte ingresou na política municipal lucense por convertirse en rexedor da cidade, en substitución de José Omaña, mentres seguíu exercendo as súas funcións na Sala da Única Contribución. Nestes momentos a súa posición social e política antollábase en ascendencia na Corte e en 1780 formaríase expediente para nomealo cabaleiro supernumerario, sen pensión, da Real e distinguida Orde de Carlos III.

Nese mesmo ano alcanzou un logro pouco usual na súa Galiza natal, e é que se lle concedeu unha prórroga da súa representación como deputado xeral de Galiza dende 1781 ata 1786, rompendo así coa alternancia no cargo e impedindo deste modo que pasara a representación a Mondoñedo, como correspondía en quenda. Reforzado na súa vis pública, protagonizaría un lance contra o deputado representante de Guadalajara, pretendendo ferilo a traizón logo dunha trifulca, o que lle valería o desterro a Zamora. Tras este incidente, e para recuperar o exercicio normal da súa representación territorial, a Xunta Xeral do Reino de Galiza tomou o acordo de solicitar un indulto ao rei, quen o concedeu. Non obstante ter obtido o perdón do monarca, 1781 sería o último ano en que se mantería como membro activo da Sala da Única Contribución do Consello Real de Facenda. Tanto en 1782 como en 1783 figuraría na documentación oficial como “miembro ausente” da referida Sala, á que non se volvería a reincorporar.

Por outro lado, a súa implicación na política exterior tivo un pequeno reflexo no ano de 1784. A guerra que España mantiña contra o Reino Unido (1779-1783), ao apoiar a Guerra de Independencia dos Estados Unidos, aliada con Francia a través dos Pactos de Familia, supuxo para a Coroa española o dominio sobre Menorca e a Florida Oriental e Occidental; ademáis de asentar a súa soberanía sobre a costa dos Mosquitos –entre as actuais Nicaragua e Honduras–, Campeche –integrante dos Estados Unidos Mexicanos– e o arquipélago de Santo André –en Colombia–. Este feito, unido ao nacemento dos infantes xemelgos Carlos e Felipe –fillos do futuro Carlos IV e a súa muller, María Luísa de Parma–, producíu en Miguel Obarrio a necesidade de recoller, editar e publicar o sermón que tiña dado o seu amigo e canónigo da catedral de Mondoñedo, Ramón Feijóo Enríquez Gayoso e Montenegro, titulado Oración que en la solemne función de acción de gracias por el singular favor y distinguido beneficio, que Dios se dignó dispensar en la paz, y nacimiento de los dos infantes de la Real Casa a toda la Monarquía española […].

Nomeado contador principal das Fábricas Reais de Tabacos de Sevilla (1786) e administrador principal da Renda do Tabaco na Provincia de Madrid, contraeu matrimonio en segundas nupcias coa navarra María Josefa Ripa Virto, da que enviuvaría sen descendencia aos poucos anos. Obtendo novo favor do rei fóille concedido o título nobiliario de conde de Tomentosa (1794) e inmediatamente volveríase casar, por terceira vez, con Benita Collazo Malvar, sobriña do arcebispo de Santiago de Compostela, Sebastián Malvar e Pinto, cabeza dunha nobre familia galega. Este matrimonio, que non deixaría sucesión, instalaríase na Corte, onde o novo conde pasaría a desempeñar os cargos de director, administrador xeral e xuíz subdelegado, integrado no Consello Real de Facenda, no que permanecería ata o seu falecemento.


Obras de: FEIJÓO ENRÍQUEZ GAYOSO MONTENEGRO, Ramón, Oración que en la solemne función de acción de gracias por el singular favor y distinguido beneficio, que Dios se dignó dispensar en la paz, y nacimiento de los dos infantes de la Real Casa a toda la Monarquía española, hecha por la Santa Iglesia Catedral de Mondoñedo, celebrando de pontifical el Ilmo. Sr. D. Francisco Quadrillero Mota, del Consejo de S. M., Obispo y Señor de dicha ciudad, y asistida de su muy noble y leal ciudad, dixo el Dr. D. Ramón Feyjóo Enríquez Gayoso y Montenegro, Canónigo Magistral y Dignidad de Juez del Fuero de dicha Santa Iglesia Catedral, y la da a luz D. Miguel Obarrio Montenegro, Caballero de la Real y distinguida Orden Española de Carlos III, Diputado General del Reyno de Galicia, Madrid, Imprenta de Joaquín Ibarra, 1784.

Bibliografía: ANÓNIMO, Estado general de la Real Hacienda. Año de 1797, Madrid, Imprenta Real, 1797; DE FRANCISCO OLMOS, José María, Los Miembros del Consejo de Hacienda (1722-1838) y Organismos Económico-Monetarios, Madrid, Castellum, 1997; DE ARTAZA, Manuel, Rey, reino y representación. La Junta General del Reino de Galicia (1599-1834), Madrid, Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), 1998; VÁZQUEZ-REY, Ernesto, Miguel Obarrio Montenegro, diputado general de Galicia en la Corte de Carlos III, Pontevedra, Obarrio Montenegro Editora, 2020.


Imaxe da portada: Composición propia a partir da obra “Retrato de un caballero de Santiago”. VAN LOO, Louis-Michel, século XVIII, óleo sobre lenzo, 87 x 78 cm, Museo Nacional del Prado.