Homenaxe á Fundación Figueroa en Cerdedo-Cotobade

Na tarde de onte o presidente da Fundación Malvar, Ernesto Vázquez-Rey, asistíu á homenaxe que o Concello de Cerdedo-Cotobade lle rendeu á Fundación Manuel Ventura Figueroa, grazas á cal centos de parentes do fundador poideron acadar estudos universitarios, e que actualmente continúa coa súa labor, tutelada pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

fullsizeoutput_412
Acto de homenaxe. © Concello de Cerdedo-Cotobade

A entidade remóntase ao outorgamento do testamento de Manuel Ventura Figueroa Barreiro en Madrid, o 27 de marzo de 1783, polo que encargaba aos seus testamenteiros a constitución e xestión dunha fundación coa finalidade de dar “dotes a favor de huérfanas parientas suyas, para casarse, o para entrar Religiosas, y también para alimentos de sus parientes, en la propia forma, que sigan la carrera de estudios, u otra de digno objeto y estimación“.

Con este obxecto, Pedro Rodríguez de Campomanes -conde de Campomanes-, Juan Acedo Rico, Felipe Santos Domínguez e Vicente Rodríguez de Rivas, no seu nome e no de José Moñino e Redondo -conde de Floridablanca-, José de Galvez e Miguel de Múzquiz e Goyeneche -conde de Gausa-, outorgaron a escritura fundacional, o 28 de novembro de 1784, en Madrid.

Manuel Ventura Figueroa, que foi -entre outros cargos e distincións- Arcebispo de Laodicea, Gobernador do Consello de Castela e da Cámara de Castela, Patriarca das Indias, Grande Chanceler da Real distinguida Orde de Carlos III, Vicario xeral dos Exércitos e Comisario Apostólico xeral da Santa Cruzada, naceu no Hospital Real de Santiago de Compostela o 21 de decembro de 1708 e faleceu en Madrid o 3 de abril de 1783.

Pola relación de parentesco entre o fundador, Manuel Ventura Figueroa, e Vázquez-Rey, no Arquivo da Fundación Malvar consérvase un dos libros de xenealoxías da Fundación Figueroa, que completan a documentación depositada no Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela e no Museo de Pontevedra sobre esta valiosísima institución benéfica.

Árbore xenealóxica Fundación Figueroa
Libro de xenealoxías da Fundación Figueroa. © Fundación Malvar