A ACFI Julián Malvar propón a Jenaro Carrero para o Día das Artes Galegas 2018

A Asociación Cultural e de Fomento da Investigación Julián Malvar propuxo, conxuntamente coa Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, ao pintor Jenaro Carrero como persoeiro ao que lle adicar o Día das Artes Galegas 2018.

Autorretrato Jenaro Carrero
Autorretrato, Jenaro Carrero. Museo de Pontevedra.

Jenaro Carrero Fernández, que xunto con Ovidio Murguía de Castro, Joaquín Vaamonde Cornide e Ramón Parada Justel formou parte do grupo que se deu en chamar a Xeración doente, foi o máis novo e, quizáis, o máis interesante e anovador deste grupo de pintores unidos pola tráxica coincidencia dunha morte prematura que lles impediu alcanzar a madureza artística.

Malia o anterior, a Xeración doente inicia o desenvolvemento dunha Escola Rexional de Pintura, abrindo o camiño á renovación da plástica galega.

A súa obra, claramente ecléctica, constitúe un resumo de todas as tendencias artísticas da fin de século e anuncia a apertura das novas propostas que se van desenvolver ao longo do século XX pola que o Profesor Filgueira Valverde deu en chamar a Xeración triunfante, como Sotomayor ou Lloréns, que si lograron completar o seu ciclo vital.

Discípulo de mestres como Ramón Lira Castro de Boán ou José María Fenollera, nun primeiro momento, Jenaro Carrero comeza a destacar obtendo cualificacións brillantes na escola da Real Sociedad de Amigos del País de Santiago: no curso 1890-1891, medalla de prata na disciplina de copia en xeso; no 1891-1892, outra en pintura, e no 1893-1894 obtén a medalla de ouro en debuxo.

Participa na Exposición Nacional de 1895 coa obra titulada “Os cantores da Catedral“, conseguindo que esta sexa unha das 1257 admitidas na sección de pintura, malia non contar con ningunha recomendación. Con todo, Carrero obtén unha mención honorífica, ademáis de ser adquirido o cadro pola marquesa de Villamejor, aristócrata coñecida polo seu exquisito gusto artístico.

Posteriormente trasládase a Madrid, onde é alumno de Joaquín Sorolla e de Manuel Domínguez, que fora discípulo de Federico de Madrazo. Baixo a influencia de Sorolla participa na Exposición Nacional de 1897, na que presenta a obra “Caridade cristiá“, coa que consegue novamente outra mención honorífica.

Nunha delicada situación persoal obtén a axuda de Eugenio Montero Ríos, ao tempo presidente do Senado, que lle consegue unha praza de restaurador da sección de pintura do Museo do Prado. Tamén participará con varias copias de obras de autores clásicos na decoración do Pazo de Lourizán, como “El sueño del patricio” de Murillo.

Na evolución da produción artística de Jenaro Carrero a partir de 1900 amósase o seu interese pola plasmación de tipos, perdendo o carácter social, primordial na súa primeira etapa madrileña, para decantarse por visións máis elementais. En palabras de Ángeles Tilve, Jenaro Carrero “hase recrear na sinxela plasmación da vida cotiá que se desenvolve ó seu redor, sen ningunha connotación posterior. O tema en si mesmo pasa a ter un papel secundario, interesándolle como asunto principal as calidades pictóricas. Ó mesmo tempo, comeza a profundizar nas buscas humínicas e a súa técnica gaña en soltura. A preocupación pola luz fai que, pouco a pouco, a paleta se vaia aclarando e enriquecendo“.

Logo do Mestre Mateo, Castelao e Maruja Mallo, Jenaro Carrero representa a unha xeración de artistas adiantados ao seu tempo que, aínda con pouco percorrido vital souberon introducir a modernidade na súa obra.

É a consideración desta circunstancia a que levou a ambas entidades culturais a presentar á Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario a candidatura de Jenaro Carrero no ánimo de lle adicar o Día das Artes Galegas 2018, ao abeiro do regulamento de elección polo que se rexe a institución.

__________

Referencias bibliográficas

– BARREIRO, M. F., BELLO PIÑEIRO, F., “Segundo Salón Ferrolano de Pintura Gallega”, El Correo Gallego, Ferrol, 27/08/1922.
– FILGUEIRA VALVERDE, J., “La pintura gallega desde el Barroco hasta la postguerra”, Galicia Eterna, Tomo 5, Barcelona, 1981.
– TILVE JAR, Ángeles, “Jenaro Carrero”, Artistas galegos pintores. Novecentos, Nova Galicia Edicións, 1999, pp. 76-89.

Imaxe de portada

El sueño del patricio” de Bartolomé Esteban Murillo. Museo del Prado.