A ACFI Julián Malvar clausura as actividades do Ano Castelao

0001
Cartel da actividade.

A Casa das Campás de Pontevedra acolleu nos últimos días do 2016 a presentación dos resultados de varias investigacións arredor de Castelao en dúas actividades: un certame de investigación en lingua galega e unha xeira de seminarios sobre o polifacético rianxeiro afincado en Pontevedra ata 1936; ambas actividades encadradas na conmemoración do ano 2016 como Ano Castelao e que contaron coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra.

A organización das actividades, que correu a cargo da Asociación Cultural e de Fomento da Investigación “Julián Malvar”, contou coa participación de Ernesto Vázquez-Rey e de Ángel Arcay, ambos membros da entidade:

O primeiro disertou arredor da faceta parlamentar de Castelao no tempo da IIª República española, onde o rianxeiro foi deputado na primeira (1931-1933) e terceira (1936-1939) lexislaturas, defendendo un relatorio centrado nas iniciativas sostidas por Castelao nas Cortes republicanas, así como a súa participación no plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936.

dsc08680
Ernesto Vázquez-Rey durante a súa intervención.

O segundo afondou nas diversas personaxes que rodearon a vida de Castelao , facendo especial fincapé na figura de Carlos López García-Picos, un compositor betanceiro que, logo do exilio á Arxentina e andado o tempo, sería o principal impulsor da Asociación Galega de Compositores.

Todas as achegas serán obxecto de publicación grazas ao financiamento da Deputación Provincial de Pontevedra, a través das axudas dirixidas a entidades para actividades do Ano Castelao e de dinamización do galego.